Fondo cabecera 11

Situación

Situación do municipio de Becerreá

BECERREÁ "PORTA DOS ANCARES"

Situado na montaña lucense, Becerreá presenta unha orografía moi accidentada, enmarcada dentro do conxunto de Serras Orientais de Galicia, a súa escarpado relevo caracterízase pola súa versatilidade.

Límites:

Norte: Baleira e Navia de Suarna
Sur: As Nogais e Triacastela
Este: Cervantes
Oeste: Baralla e Láncara

ENCADRAMENTO TERRITORIAL

A Comarca dos Ancares sitúase no sector oriental da provincia de Lugo constituíndo, xunto ás veciñas Comarcas da Fonsagrada e Quiroga, a alta montaña lucense.

Forma parte do que podería considerarse unha grande Comarca natural de carácter interrexional: Galicia , León e Asturias , cunhas peculiaridades naturais e etnográficas que a distinguen perfectamente das áreas adxacentes que son A Serra do Courel, A Depresión de Sarria e A Comarca da Fonsagrada .

A vertente galega que constitúe a presente Comarca caracterízase por unhas condicións de alta montaña , principalmente na Serra dos Ancares propiamente dita, con picos como Penarrubia (1.821 metros) , Tres Bispos (1.792 metros), Corno Maldito (1.847 metros), Mustallar (1.924 metros) e Pena Longa (1.842 metros) que se continúan cun cordal cunhas cimas que son O Cuiña ( 1.987 metros ) e O Miravales (1.969 metros) ámbolos dous na provincia de León, anque a súa vertente oeste e , consecuentemente , a rede hidrográfica cae cara a Galicia, posto que o límite natural e xeográfico non son coincidentes: así aldeas leonesas como Suarbol e Balouta dan a vales galegos .

Litoloxicamente, a Comarca caracterízase por unha grande abundancia de rochas sedimentarias de baixo grao metamórfico , de cuarcitas e lousas , así como materiais carbonatados , calizas e dolomías , máis abundantes no extremo suroriental da Comarca . Todos estes materiais foron afectados pola tectónica e o metamorfismo producido durante a oroxenia hercínica que configurou as principais direccións das estructuras que son SE-NO. Así mesmo, de idade hercínica é o granito de Ancares, observable na Serra do mesmo nome (Piornedo e Moreira) sobre o que se sitúan importantes depósitos morrénicos .

En resumo, o relevo actual é o resultado da tectónica hercínica dos movementos finiterciarios , probablemente alpinos , e da acción do glaciarismo cuaterrnario .

Xeomorfoloxicamente, esta serra presenta cumes que rondan os 1.900 metros , desenvolvidas sobre materiais de lousa e cuarcíticos , dando estes últimos os principais resaltes labrados durante a era glaciar do Würmiense (de idade cuaternaria) , que deixou numerosas formas glarciares tales como circos (Tres Bispos e Pena Longa) , moreas como a de Piorendo ou vales en artesa , posteriormente retraballados pola erosión fluvial que lles confire a súa morfoloxía actual en V , como o río Ortigal .

Máis cara ó leste esténdese unha serie de serras como A Fiosa, Granda do Roxo Liñares e Barreiro, que seguen as direccións das estructuras antes mencionadas entre as que se sitúan os principais cursos fluviais tributarios do Navia: Valdeparada, Cervantes, Quindous, Ser, Vilapandin, Moia e Rao. Pola súa parte o Navia ten un trazado que corta as estructuras seguindo unha dirección SO-NE, excepto dende o seu nacemento ata a confluencia co río Ferreiros que segue a dirección das estructuras.

A marxe dereita do Navia presenta regueiros de moito menor percorrido cós da marxe esquerda como o Ferreiros, o Donsal, o Bollán, o Queizán e o Mosteíro. A liña de cumes que marca o límite Oeste presenta alturas proximas ós 1.000 mts. entre as que destacan a serra Pena da Hedra (1.309 mts), Pena do Pico (1.182 mts), serra de Calamouco, serra de Vilamane, serra de Pedruñais (1.400 mts) e serra de Mora.

As serras de Calamouco, Pena do pico e Vilarnane marcan a liña de cumes que separan as concas do Navia e do Neira (afluente do Miño). Así cara ó oeste ábrense os vales de Neira de Rei e de Neira de Xusá, conformados pola cunca do río Neira no concello de Baralla e separados, ámbolos dous vales, pola Serra de Puñago (901 m) que atravesa Baralla pola súa zona central de Norte a Sur.

Existe unha unidade xeográfica pertencente á cunca do río Lor, que constitúe o límite sur e á súa vez, actúa de nexo coa Comarca de Quiroga.

Os solos da área de estudio son polo xeral pobres e de escaso espesor, resultado da alteración dunha rocha nai de carácter de lousa e cuarcítico, o cal unido á forte pendente da Comarca, non permitiu o desenvolvemento de solos agroloxicamente aptos. É por iso, que a tendencia natural da Comarca fose eminentemente forestal, restrinxíndose as áreas de cultivo e os pastos ás zonas máis chás, próximas ó curso medio do Navía e medio-alto do Neira.

A esta pobreza dos solos engádeselle toda unha serie de limitacións, producto do clima de montaña que posúe este territorio, con invernos fríos con frecuentes nevaradas e veráns curtos, todo o cal constitúe unha limitación para o desenvolvemento vexetativo.

O clima da Comarca corresponde a un dominio oceánico húmido, cun claro matiz de clima de montaña, froito da súa orografía eo seu afastamento do mar. Dende o punto de vista térmico, a Comarca caracterizase por unhas temperaturas suaves en verán e máís rigorosas en inverno.

A vexetación dos Ancares caracterízase pola grande biodiversidade que presenta. Isto é consecuencia de factores como a súa situación limítrofe entre as dúas grandes rexións florísticas (eurosiberiana e mediterránea), de forma que aínda que predomina a primeira, a segunda deixa senti-la súa influencia, especialmente na zona sur da serra.

Por outro lado hai que ter en conta outros aspectos como a complicada orografía, o forte gradiente altitudinal, a insolación, a climatoloxia, etc...

As series de vexetación potencial que poden encontrarse son variadas, e van dende unha pequena superficie de aciñeiras no piso colino ata meloxares que ocupan grandes áreas no piso montano, ademais de localizacións puntuais de faiais sur desta, reservándose as cotas máis elevadas para os bidueiros. As carballeiras acidófilas, pola súa parte, sitúanse ó oeste da Comarca. Na actualidade, en cotas superiores ós 1.600 m encóntranse matogueíras de distinto tipo, reservándose os cumes para pastizais. As abas aparecen cubertas por distintos tipos de vexetación dependendo da altitude e da insolación. Os bosques preséntanse fundamentalmente nas de avesedo, e son sobre todo de carballo albar constituindo os bidueirais o límite altitudinal das formacións de bosques. Nas abas de solaina consérvanse algunhas mostras de bosques de meloxo e a maior altitude de carballo albar, anque en xeral o grao de deforestación é elevado, ocupando grandes superficies os matogueiras (piomais e breixos) e pastizais.

Ademais das formacións citadas poden encontrarse boas mostras de aciñeirais, faiais e bos exemplares de especies como alisos, ameneiros, freixos, castiñeiros, acivros, etc...

Todas estas características dan, en resumo, unha clara orientación da Comarca cara á producción forestal, orientada cara a madeiras de calidade de fragas autóctonas e cun bo plano de reforestación de amplas áreas deforestadas.

Outro alicerce básico a gandería en estado semilibre para producción cárnica.

Por último debemos cita-lo grande potencial turístico que presenta toda a serra dos Ancares, sempre e cando se leven a cabo actuacíóns de conservación e mellora do contorno natural e arquitectónico.

Descarga do arquivo

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Becerreá
Concello de Becerreá
Plaza do Concello s/n 27640 Becerreá - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 360 004 | Fax: 982 360 518
E-mail: concellodebecerrea@telefonica.net