Fondo cabecera 11

Orzamentos municipais

Os orzamentos municipais son elaborados seguindo as directrices Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais.

Así pois, en virtude deste texto normativo, os orzamentos elabóranse seguindo unha serie de principios. Os principios orzamentarios son aquelas regras que determinan o contido e ámbito dos orzamentos, constituíndo, desde o punto de vista formal, unha garantía dos dereitos dos administrados. Reflicten os criterios políticos existentes sobre o papel das Entidades locais, así como da necesidade de transparencia na xestión dos ingresos e gastos públicos. Os principios son os seguintes:

  • Principio de competencia: indícanos que o orzamento dun ente público ha de ser aprobado polo órgano no que reside a soberanía, permitindo deste xeito o control da xestión económica que levan a cabo os órganos executores. Segundo este principio, corresponde ao Pleno da Entidade local a aprobación do Orzamento Xeral e das súas modificacións.
  • Principio de universalidade: significa que todos os ingresos previstos e gastos que vaian ser recoñecidos durante o exercicio han de figurar no orzamento da Entidade local, sen que poida existir previa compensación entre eles.
    Principio de unidade: establece a obrigatoriedade de aprobar un orzamento único anual, en consonancia co disposto para o réxime orzamentario do Estado na Constitución.
  • Principio de especialidade inclúe tres variantes: cuantitativa, cualitativa e temporal. A especialidade cuantitativa supón que non pode gastarse maior cantidade de fondos para unha finalidade que aquela que sexa aprobada, sendo nulos de pleno dereito os acordos, resolucións e actos administrativos que infrinxan a expresada norma. De acordo coa especialidade cualitativa, os créditos para gastos destinaranse exclusivamente á finalidade específica para a cal sexan autorizados no Orzamento Xeral da Entidade local ou polas súas modificacións debidamente aprobadas. A especialidade temporal implica que os créditos orzamentarios aprobados han de ser executados ao longo do exercicio orzamentario, o cal determina a súa vixencia.
  • Principio de equilibrio ou nivelación orzamentaria: significa que o orzamento ha de ser presentado ante o Pleno de modo que o total dos ingresos previstos cubra a totalidade dos gastos que haxan de ser executados no exercicio orzamentario.
  • Principio de non afectación: isto significa que unha vez achegados os recursos ás arcas públicas perden a súa orixe e, xa que logo, poden servir para o financiamento de calquera gasto, sen que se recoñeza a prioridade de ningún deles respecto dunha determinada fonte de financiamento.
  • Principio de publicidade: preséntase como unha garantía do administrado en canto esixe que as diversas fases do ciclo orzamentario sexan públicas, de forma que o cidadán poida informarse sobre as decisións e condutas dos seus representantes acerca da actividade económica da Entidade local.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Becerreá
Concello de Becerreá
Plaza do Concello s/n 27640 Becerreá - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 360 004 | Fax: 982 360 518
E-mail: concellodebecerrea@telefonica.net