Fondo cabecera 11

De Becerreá a Piornedo

De Becerreá a Piornedo-principal

Unha historia de amor e alta montaña

Encaixado entre vales e montañas, porta de entrada á serra, comezamos a nosa andaina en Becerreá, tomando primeiro a estrada LU-722 cara a Navia de Suarna, e logo, ó chegar ó pobo de Liber, a LU-723 que baixa ás Pontes de Gatín. Aquí podemos facer unha parada para ver a ponte románica sobre o río Navia do que conta a lenda que en cada beira vivía un dos protagonistas da seguinte historia: Pediulle o home ó demo que construíra unha ponte para poder ir ver á súa namorada, o demo concedeulle o desexo pero a cambio díxolle que lle entregase o seu primeiro fillo. Chegado o día, o home non tivo coraxe de llo entregar e enganou ó demo entregándolle un gato e a iso debe o nome esta ponte.

Continuamos pola estrada entre bosques de castiñeiros, seguindo a canle do río Cancelada, e a uns 20 qm. atoparémo-lo Castelo de Doiras, de propiedade privada, pero de entrada libre para o público.

Este castelo é famoso
tamén por outra lenda: a da "Muller cerva": Aldara, filla do nobre que vivía neste castelo, estaba a punto de casar co fillo doutro nobre cando sen ningunha explicación desapareceu. O seu irmán Egas acompañou durante días e días ó namorado á procura da súa irmá, sen poder atopala. Pasados os anos, Egas cazou unha enorme cerva branca no bosque á que lle cortou unha pata como trofeo. Ó chegar ó castelo descubriu que a pata se convertera nunha fermosa man de muller que portaba o anel e rubí que sempre levaba Aldara.

A orixe da fortaleza, cuxa torre da homenaxe érguese impoñente ó pé das cumes máis altas da serra, é incerta. As referencias máis antigas remóntanse ó século XV.

Saíndo de Doiras cara á esquerda, imos en dirección á Campa da Braña, a só 12 qm. Dende aquí, temos dúas alternativas:

  • Se continuamos subindo, chegamos ao Albergue dos Ancares e á Aula de Natureza. Nesta instalación ofrecen información útil da área e, dende aquí, parten numerosas rotas a pé pola montaña, que conducen directamente ós puntos máis altos da serra: a dos Tres Bispos, de dificultade media polos desniveis, e con 6 qm. de lonxitude; a do Vale de Brego e Cabanavella, dificultade media e 10 qm. de longo; a de Penarrubia, dificultade media - alta con 12 qm. de percorrido, e a de Campa de Barreiro, de dificultade media e 10 qm. Todas elas discorren por áreas de grande riqueza natural con numerosos bosques de acivros, bidueiros e carballos, piornos, capudres e prados de montaña. Dende as cimas de Tres Bispos e Penarrubia contemplamos claramente toda a serra de Ancares coas gamas de colores e formas que ofrece a paisaxe. A variedade de fauna tamén é destacada co cervo, gato montés, xineta, teixugo, garduña, urogalo, así como multitude de aves rapaces, entre outras especies.
  • A outra opción dende a Campa da Braña, é seguir cara a Piornedo pola rota das pallozas no concello de Cervantes; é unha estrada sinuosa que nos deixa ver ó longo de prados e bosques algunha que outra alvariza para protexe-las colmeas dos osos. Chegar ata aquí merece a pena, xa que non podemos deixar de visita-lo elemento construído máis característico da montaña luguesa: as pallozas, construccións prerromanas circulares, moi similares ás vivendas dos "castros". En Piornedo, moitas das pallozas particulares pódense visitar, e ata contan cun Museo da Palloza. Entrar nunha delas permite transportarse no tempo á vida das xentes a alta montaña. Asemade, aquí podemos mercar os productos típicos dos Ancares coma o mel, ou os embutidos e derivados do porco.

Imáxes

De Becerreá a Piornedo-Castelo de Doiras De Becerreá a Piornedo-Fonte en Piornedo

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Becerreá
Concello de Becerreá
Plaza do Concello s/n 27640 Becerreá - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 360 004 | Fax: 982 360 518
E-mail: concellodebecerrea@telefonica.net